A Casa de Galicia en Badajoz non podía faltar á súa cita no reto coas novas tecnoloxías, por iso e desde esta páxina web, quero enviar un saúdo a todos os galegos de Badajoz, de España e do mundo, e que a nosa presenza na diáspora sexa elemento de contribución activa no desenvolvemento dos pobos en que habitamos como amigos, emigrantes ou veciños produtivos e que a nosa estancia nas localidades de acollda sexa agradecida e ben vista polos seus residentes.

Na obriga permanente de mirar cara o futuro, preséntansenos retos e conquistas sociais e culturais ás que debemos dar cumprida resposta, tanto no desenvolvemento de Programas como no cumprimento de etapas e obxectivos que permitan facerlle ás xeracións futuras todo aquelo que a nós o tempo co seu devir non nolo permitiu.

Estes poucos anos da vida da nosa Casa, tres exactamente, serviron para aprender como levar a bo fin certos proxectos, tales como poñer un cruceiro que testimonie a nosa presenza presente e futura, ter una Sede Social, celebrar o Día de Galicia y do Apóstolo Santiago coa pompa que a dita conmemoración require, ter unha imaxe do Apóstolo para presidir os actos relixiosos, unha biblioteca ben dotada, a celebración de Cursos de Galego, a creación da «Comisión de Ayuda a Gallegos en Prisión», Xornadas Culturais e Gastronómicas, exaltación do Día das Letras Galegas, excursións, romarías e como no, esta páxina web, exemplo de progreso no noso desenvolvemento corporativo.

Pero se conseguimos logros importantes gañando tempo ao tempo, non menores son os retos e desafíos que o futuro nos depara, pero para iso os mozos que nos seguen darán boa conta diso.

A nosa cultura feita de musicaies, silencios, vales verdes bañados por transparentes ríos, fragas, camiños, barrancos e aldeas que salpican a paisaxe, chea de historia e arte, castros celtas, petroglifos prerrománicos, igrexas románicas e góticas, mosteiros, fortalezas e castelos medievais, a arte renacentista, barroca e neoclásica presente en toda a nosa xeografía e todo iso envolto en suaves montes, serras e ladeiras cheas de dourados viñedos e máis aló o mar, fonte de riqueza e perigos dos noso homes máis audaces.

Así é, dunha pincelada, a nosa Casa de Galicia e a nosa terra á que desde aquí te invito a coñecer, para que establezas un contacto real e vivo con toda Galicia, ese pobo noso, que máis aló de distancias e fronteiras é un e unido con sentimento amplo de solidariedade e fraternidade con sentido universal entre todos os hombres. Desde este sentimento, galegos de nacimiento, de sangue, de afinidade e de vontade, amigos nosos no Mundo, desde aquí envíovos un cordial saúdo e unha forte aperta.

Presidente
Luis Vilela Camiño.